Xurxo Souto: “Cando comecei a falar galego sentín que era eu, que estaba no meu sitio”

Entrevista a Xurxo Souto en Neofalantes:
“(…) – Neofalantes (N): E cando aconteu iso? Cando cuestionaches a túa realidade lingüística?
– Xurxo Souto (XS): Recordo que en primeiro de BUP apareceu un profesor de galego, Carlos Paulo Martínez Pereiro, que nos explicou a situación do galego. Quedamos todos fascinados!, e na clase, de 40, dous rapaces e unha rapaza decidimos comezar a falar sempre en galego. Ter o idioma prestixiado no ensino foi o paso definitivo. Estudabamos galego en clave de excelencia. Entón entendimos que a situación que estabamos vivindo era totalmente anormal. Se na casa a lingua era o galego, a maior parte poboación que nos circundaba falaba galego, por que estabamos optando por outra lingua que non era a natural? O castelán era unha imposición dun determinado contexto político. Comezamos a falar galego e desde aquela, ata hoxe!
– N: O contexto era amable para emprender este cambio de lingua?
– XS: Era un momento moi propicio para facer esa reflexión. No instituto aparecen por primeira vez os profesores de galego e iso faite reflexionar. Morrera Franco, e nesa democracia que estaba comezando, con todos os matices, todo o mundo fixo unha valoración de como fora a súa educación e de como o galego estaba sendo marxinado. Cando digo todo o mundo, digo ata a xente da dereita, de Alianza Popular. Había unha conciencia de que o normal, con esforzo colectivo, era que o galego se convertese nunha lingua de uso social pleno. Había vocación de transformación. E teño que dicir que o tránsito, neste contexto positivo, foi moi sinxelo. Foi un momento moi lindo, moi fermoso. A ninguén lle chamaba a atención e converteuse en algo totalmente natural. Na miña casa tamén existía certa tradición galeguista, o meu avó coleccionaba daquela a enciclopedia galega e gustáballe moito a historia. E meu pai tamén tiña moitas lecturas galegas.
– N: E que significou para ti falar galego logo de empregar o castelán durante toda a túa infancia?
– XS: Para min significou acadar unha normalidade absoluta. Dar o paso cara ao galego foi un proceso de restitución lóxico, fun dono do mundo e tiña un mundo que compartir. Entón entendín quen era, e entendín que a miña lingua non era o castelán. O castelán era unha ficción que facían os meus pais para comigo, que inmediatamente pasaban ao galego cando falaban entre eles. Foi unha auténtica revolución persoal a que vivín. Abriume todas as portas. No momento que comecei a falar galego sentinme que era eu, que estaba realizado, que estaba no meu sitio, que deixaba de ser espectador da realidade. Falar galego converteume en protagonista da miña vida. Lembro outro momento simbólico cando fun ao rexistro civil e galeguicei o meu nome. Unha conquista da realidade!
Despois dunha época sombría na que insistían en que eramos periferia, convertémonos eu e o meu colectivo, os meus amigos, no centro do mundo. Aí comezou o noso activismo cultural, fixemos daquela un grupo de folk. Esa eclosión individual era colectiva na cidade: A Coruña estaba fervendo en cultura galega. Era todo creatividade. Logo chegou outro momento político, a alcaldía de Paco Vázquez, que creou un discurso durísimo: que A Coruña era unha cidade á marxe de Galiza e que só falaba castelán. Dalgún xeito tapouse esta espiral de creatividade. E o peor de todo isto é que esa visión de Paco Vázquez triunfou de forma xeral. Hai moita xente que pensa que na Coruña ninguén fala galego, pero é a cidade con máis falantes en números absolutos! Eu sempre fago unha brincadeira: ninguén fala galego porque conforme vides pasades ao castelán! (…)”