Desde a Deputación da Coruña:
“Raúl Santos Ageitos coa novela Cornucopia e María Cureses de la Vega coa novela Ni luz ni llanto son os gañadores da XXXIII edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A concesión do xurado fíxoa pública esta mañá o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios do premio en lingua castelá e en lingua galega, Susana Pedreira e Ramón Rozas.
“Hoxe é un día feliz para a literatura deste país e para a literatura en xeral, porque dous novos nomes veñen sumarse á nómina dos Premios Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña” asegurou Xurxo Couto, ao tempo que indicou que “este é un un dos premios máis veteranos dos que convoca esta institución e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego”.
Neste sentido, os dous comisarios fixeron fincapé en que as dúas persoas gañadoras da presente edición son un autor e unha autora que están comezando no mundo literario. “Congratulámonos de que a persoa gañadora vaia ver a súa primeira obra publicada grazas a este premio porque unha das vocacións do Torrente Ballester é o de abrir camiños e situar novos nomes no panorama literario” asegurou Ramón Rozas. Pola súa banda, Susana Pedreira tamén se referiu a esta circunstancia asegurando que “o Torrente Ballester descubriu a grandes escritores como Ignacio Martínez de Pisón que gañou hai 30 anos e despois chegou a ser Premio Nacional de Narrativa, e premiou hai 25 anos a Manuel Rivas que tamén foi Premio Nacional de Narrativa, e quen sabe se a actual premiada, María Cureses, seguirá o mesmo camiño”.
A novela Cornucopia de Raúl Santos, de Ribeira, foi proposta como gañadora por unanimidade por un xurado composto por Xesús Fraga, Montse Dopico, María Marco, Nazaret López e Ricardo Losada. Na acta, o xurado indica que “é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura”. No mesmo informe tamén salienta que “se apoia sobre nunha estrutura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sen por iso ser compracente”. (…)”