Camilo Nogueira: “Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza”

Entrevista de Cilia Torna a Camilo Nogueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recibiu a medalla Castelao. Que significa para vostede que a Xunta da Galiza o premiase con este galardón?
– Camilo Nogueira (CN): É todo un proceso. Eu mesmo, estando no Parlamento, procurei que os restos de Castelao retornasen da Galiza para aquí e ocupase o lugar que lle correspondía, superando a oposición de moita xente que negaba esa posibilidade.
Por iso agora temos Castelao a disposición de toda a sociedade no propio país. Castelao demostrou ser unha persoa de capacidade extraordinaria, dixo o que era Galiza, non hai máis que ler os seus libros para darse conta de até que punto Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza.
– ND: O premio que acaba de recibir representa unha homenaxe a toda unha traxectoria de servizo á Galiza que arranca a comezos da década dos 60 e que comeza no fogar familiar, ao carón do seu pai, o escultor e militante nacionalista Camilo Nogueira Martínez. Como ve a Galiza actual?
– CN: Para min, Galiza é Galiza, Portugal e o Brasil. Penso nos problemas que temos estritamente na Galiza, no mesmo Estado español, do que moitas galegas e galegos teñen que marchar, e vexo Galiza desde o fundamento da Galiza de aquí, e tamén vexo Portugal, que non é máis que unha forma da Galiza, e vexo o Brasil, que tamén fala galego.
Neste sentido, non se pode ver Galiza unicamente desde o espazo actual que é o fundamento e sempre o será. Hai que ter en conta o que nós somos, e que temos unha capacidade que nos achega a unha parte fundamental do mundo e, incluso, os galegos que non están no país, que están residindo en diferentes lugares de Europa, seguen sendo eles. (…)”