Ignacio Vidal Portabales gaña o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 20 horas do 18 de xullo, de 2022, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnense os membros do xurado para escoller a novela gañadora desta XXXIV edición do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), cos compoñentes que de seguido se relacionan: Marta Neira Rodríguez, profesora da USC, a libreira Mercedes Corbillón, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, o crítico literario Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario.
Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría conceder o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “O voo do azor”, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra As horas dunha illa remota, da autoría de Ignacio Vidal Portabales.
O xurado salientou nesta novela o coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe.
Escrita cunha prosa de fino burilado, posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.”