Entrevista de Mario Regueira a María Solar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Na fin de semana, o xurado do Premio Xerais escollía A culpa como a gañadora para a edición deste ano, que pode contar desta obra?
– María Solar (MS): En primeiro lugar, que estou moi contenta, pois é unha novela que rematei o ano pasado, que lera moi pouca xente e que mandei a un premio por primeira vez. Hai unha historia central sobre dúas mulleres que foxen de adolescentes desde Galiza cara á Arxentina despois de facer algo terríbel. Teñen unha vida de supervivencia pero son moi talentosas e conseguen un grande éxito social e económico. Porén, a súa amizade está marcada por aquilo que aconteceu, que tamén é un favor que unha lle debe á outra, un favor tan grande que converte a súa relación nunha especie de posesión. Unha delas transfórmase nunha persoa posesiva cunha personalidade enfermiza.
Esa é a historia central, aínda que decido contala a través dunha rapaza nova chamada Amanda, que traballa nunha sucursal bancaria. Cada seis meses entra alí unha señora moi maior que fede e ten moi mal aspecto pero que tamén ten moitos millóns no banco. Amanda aténdea unha soa vez e ao pouco a señora morre converténdoa en herdeira universal.
Aquí aparece a primeira culpa á que se refire o título: toda a sociedade pregúntase que fixo Amanda para que acontecese iso. E ela trata de investigar para saber a historia daquela señora e topa coa outra parte da trama. Amanda herda unha fortuna e unha culpa. Non é a única culpa que aparece, as mulleres cargamos con moitas culpas na sociedade.
– ND: Podemos encaixar esta nova obra nalgún xénero?
– MS: Creo que está moi fóra das etiquetas. É certo que a historia de Amanda ten partes de thriller, pero a das dúas amigas está escrita en forma de diario íntimo. Penso que son dúas historias que non encaixarían nunha única obra comercial e só vexo en común a dimensión psicolóxica que quixen darlle aos personaxes. Realmente sempre trato de escribir o que quero, sen pensar en encaixar nun xénero determinado.
– ND: Hai elementos de realidade nunha ficción coma esta?
– MS: Nada do que escribo é real ao 100%, pero sempre bebes das cousas que che contan. Por exemplo, penso moito nas cousas que me conta a miña nai, que é moi maior e tivo moitas vivencias, e algunhas delas pasaron a esta novela. Sempre me fascinou a distancia dalgunhas das súas historias co noso tempo: parece que aconteceron hai catro xeracións ou máis, pero son relativamente recentes. Falando da culpa, sempre me fascinou esa noción relixiosa do pecado orixinal. O peso de ter nacido xa cunha culpa, antes de poder facer nada, e como esa idea marcou a vida das mulleres no pasado. As mulleres da miña novela loitan para ser absolutamente libres. É unha historia que invento pero que sei que pode atoparse nas vivencias doutras persoas.
E hai outra relación máis: eu vivo moi intensamente as miñas historias: choro e río con elas, e non hai maior satisfacción de ver como, unha vez que unha novela está fóra, esperta reaccións nas persoas que a len. (…)”