Marilar Aleixandre, Premio Luís Porteiro Garea polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias

Desde Nós Diario:
Marilar Jiménez-Aleixandre, catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e desde 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC, vén de gañar o Premio Luís Porteiro Garea na súa sétima edición. Este galardón busca recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.
O xurado decidiu por unanimidade recoñecer a profesora Jiménez-Aleixandre polo seu compromiso e a súa defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas, “do que ela se erixe como símbolo na nosa universidade xa que foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos dende o ano 1976”.
Destaca ademais o xurado o seu exercicio como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos “nos que conxugou dun xeito inusual a forte dimensión humanística coa científica”. “Recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego cohesiona transversalmente a súa dedicación”, reza o ditame.
A catedrática ad Honorem recibiu o premio “cunha enorme alegría” porque recoñece o seu “compromiso co galego na Universidade”, pero tamén a súa etapa na Educación Secundaria, “e sobre todo no campo das ciencias”. “O galego -advirte- é unha lingua que pode e debe ser utilizada no ensino das ciencias, e empregala supón estabelecer un modelo para o alumnado que conformará as vindeiras xeracións de docentes”, dixo.
Manifesta ademais a súa ledicia por compartir este premio con “persoas moi prezadas para min”, como o profesor Manuel Bermejo, gañador da primeira edición e xustamente a persoa con quen ela comezou a traballar na USC, ou Margarita Ledo, gañadora do Porteiro Garea na pasada edición, “amiga e compañeira”. (…)
O xurado desta sétima edición estivo composto polo reitor Antonio López, quen delegou no vicerreitor Gumersindo Feijoo Costa, e por Rita Gradaílle Pernas, Manuel Núñez Singala, Patricia Regal López e Óscar Rodríguez Figueiras. O premio entregarase nunha cerimonia pública a desenvolver no mes de setembro, coincidindo co aniversario da lección pronunciada polo profesor Porteiro Garea. (…)”