Margarita Ledo convértese na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

Desde Nós Diario:
“A profesora emérita da USC Margarita Ledo Andión converteuse na primeira muller en gañar o premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela. O xurado composto polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; as profesoras Marta López Alonso, Rosa Crujeiras Casais e Rita Gradaílle Pernas, en representacións das comisións de normalización lingüística de Lugo, Santiago de Compostela e Claustro Universitario, respectivamente; e mais o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, decidiu outorgar o galardón por unanimidade á que fora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade polo seu compromiso “incuestionábel coa lingua galega” e que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”. A entrega do premio terá lugar o vindeiro 29 de setembro nun acto institucional que se desenvolverá no Paraninfo da USC.
“Como decana puxo en marcha unha Facultade de Ciencias da Comunicación que liderou dende os seus inicios ata a actualidade o primeiro posto en canto a horas de docencia en lingua galega, unha presenza que se mantén ano a ano por riba do 90%”, subliñou o xurado. Ademais, Margarita Ledo ten dirixido máis dunha ducia de teses de doutoramento, a inmensa maioría delas en lingua galega e moitas relacionadas con cuestións relativas á cultura e lingua de Galicia.
As súas liñas de traballo en investigación céntranse na produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, neste senso ten traballado en programas europeos para a subtitulación de obras audiovisuais en linguas non hexemónicas, e tamén as políticas de comunicación, así como as teorías feministas no eido da creación. (…)”

A USC rende tributo ao “labor activo a prol da lingua galega” de Xosé Manuel Beiras outorgándolle o premio Luís Porteiro Garea

Desde a Universidade de Santiago de Compostela:
“O xurado da V edición do premio Luís Porteiro Garea acordou conceder o galardón de maneira unánime ao profesor xubilado da USC, Xosé Manuel Beiras Torrado, do cal destaca “o seu labor activo a prol da lingua galega”, como profesor e, posteriormente, como catedrático e decano, “dado que exerceu un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro”. Beiras foi catedrático de Estrutura Económica da USC e defendeu o uso do galego nas aulas dende os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito, entre 1964 e 1965; e, posteriormente, xa en 1968, como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Xosé Manuel Beiras Torrado desenvolveu “un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984”, continúa a acta do xurado. Polo que se refire á investigación, fixo uso do galego na súa actividade investigadora, nas súas publicacións de carácter académico e nos seus ensaios de forma habitual. Aínda que ten obra científica publicada noutros idiomas, “a meirande parte da investigación, dos traballos no marco dos proxectos de investigación e as súas publicación están no noso idioma”, sinala o xurado.
Beiras tamén destacou pola súa actividade de difusión do coñecemento con artigos en galego na prensa da época e nas conferencias e seminarios en diferentes foros de Galicia. O xurado destaca a súa “capacidade para facer escola tamén no relativo ao cultivo do noso idioma e o compromiso académico con Galicia: un bo exemplo son as numerosas teses en galego e sobre Galicia dirixidas ao longo da súa traxectoria, contribuíndo así a afianzar o uso do noso idioma no cultivo da ciencia económica”. Saliéntase tamén “o seu compromiso co idioma galego na súa dilatada traxectoria de intervención na vida política do noso país”, facendo uso do galego de xeito consuetudinario e tamén promovendo e apoiando todo tipo de iniciativas sociais, culturais e lexislativas a prol do galego como idioma oficial.
O xurado da quinta edición do premio Luís Porteiro Garea estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, actuando como secretario o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. José Carlos Baliñas Pérez, Gumersindo Feijoo Costa, Rita Gradaílle Pernas e Cástor Méndez Paz completaron a listaxe de membros.
O xurado acordou establecer, de acordo coas bases do premio, uns criterios para orientar a súa decisión. Deste xeito, púxose o foco no emprego habitual da lingua galega nas actividades cotiás da universidade, no carácter pioneiro no uso da lingua galega, nas achegas á promoción do idioma e á galeguización de ámbitos ou actividades da universidade, ou no estudo, difusión e divulgación da lingua. Ademais, valorouse a cantidade e calidade de apoios recibidos e o feito de que as accións emprendidas resultaran eficaces e multiplicadoras nos seus efectos. (…)”