Xavier Alcalá entregará á Real Academia documentación orixinal sobre a súa obra

O escritor Xavier Alcalá fará entrega oficialmente á Real Academia Galega de documentación orixinal relativa á súa obra. Será o martes 17 de decembro ás 13:00 horas no segundo andar da sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11).
A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o 16 de setembro de 2005 un Acordo Marco de Colaboración baseado no común interese na normalización cultural e lingüística de Galiza, procurando unha aplicación práctica do coñecemento da lingua e literatura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.
A filosofía que inspirou o acordo concrétase, entre outras accións, na constitución na propia sede da Real Academia dun Centro de Documentación dos Escritores/as da AELG, con documentación proporcionada pola Asociación, quen á súa vez a recada dos seus propios socios e socias, para pesquisa de investigadores, estudosos e especialistas.
Despois da primeira entrega efectuada pola Aelg o pasado setembro, nesta ocasión será o escritor Xavier Alcalá quen cederá á Real Academia Galega un primeiro conxunto de material relativo á confección das seguintes obras, todas elas ben importantes no noso sistema literario:

1) Tertúlia: Manuscrito e primeiro orixinal a máquina.
2) Alén da desventura: Esquemas e primeira versión con correccións a man.
3) Latitude Austral: Primeira versión con correccións a man.
4) La habana flash: Primeira versión con correccións a man.
5) Nos pagos de Huinca Loo: Primeira versión.
6) Código Morse: esquemas, notas, manuscrito, versión penúltima.

Dado que a Real Academia é depositaria dun importantísimo fondo arquivístico documental dos escritores en lingua galega, a AELG considera esta institución como a mellor garantía de conservación dos arquivos entregados e agradece a súa colaboración.
Será o Presidente da Real Academia Galega, Sr. D. Xosé Ramón Barreiro, quen recibirá a documentación da man do propio Xavier Alcalá e coa presenza do presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.

O Consello Directivo da Aelg