Entrega en Sarria do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O venres 18 de abril terá lugar no hotel NH Alfonso IX ás 20:00 a entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á poeta Olalla Cociña.
«Comezaremos cun solo da bailarina Carmela Garcia, que interpretará a coreografía “El jardín”, coa que recibiu o Premio á bailarina sobresaínte no XXI Certame Coreográfico de Madrid. A continuación intervirán os membros do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga, o concelleiro de Cultura do Concello de Sárria Xermán Arias, o alcalde de Sárria Claudio Garrido e a Presidenta da A.C. Ergueitos María Casar. O artista plástico Eduardo Valiña farálle entrega á gañadora dunha peza coa que contribúe a facer do Fiz Vergara Vilariño un encontro das artes. O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Remataremos a entrega do premio cunha actuación do dúo formado por Luis Soto (frauta da Real Filharmonía de Galicia) e Xosé Antonio Rodríguez (profesor de guitarra no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela) interpretando obras de Piazola, Machado, Satie e Paulino Pereiro. Posteriormente haberá unha cea no mesmo hotel.
Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (María Casar, Presidenta da A. C. Ergueitos)