Homenaxe a Ramiro Fonte

A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.

O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.