Sarria: Roteiro Literario-Artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

O luns 27 de xullo de 2009, ás 18:00 horas, en Aira Padrón (Samos) a Agrupación Cultural Ergueitos organiza un percorrido até a casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. Irán parando en puntos do roteiro no que xa estean colocadas intervencións (Fernado Yáñez e Manuel Caamaño) ou nalgún outro nos que os traballos estean avanzados (Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana). A intención é converter o roteiro literario que fan cada ano pola Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina. A palabra poética asaltará aos camiñantes que percorran este roteiro e acompañará en paneis gravados ás intervencións dos artistas plásticos para que o visitante documente a xénese da intervención escultórica. O ceo, a auga do río e da Fonte da Cova e os soutos dos castiñeiros louzarinos serán as paredes, o teito e o chan dese museo aberto.

Indicacións de itinerario: dende Samos, despois de pasar diante do Mosteiro e rodealo cóllese a saída en dirección a Triacastela. A 1 km. hai un desvío á dereita sinalizado: Lóuzara. A 8 km. sen desviarse chegamos a Aira Padrón (só hai unha casa-restaurante cara a esquerda e unha rotonda). É o primeiro punto do roteiro. Desde aí baixase cara o val de Louzara.

Tempo aproximado da visita: 1, 5 horas

Contacto: María Casar Díaz, presidenta da A.C. Ergueitos. Tlf: 678 601 550 – 677 429 225