Santiago: mesa redonda con Concha Blanco, Marcos Calveiro e Rosa Aneiros

O club de lectura Gálix Tendendo redes organiza unha mesa redonda que leva por título A fráxil existencia, temática escollida para o mes de novembro polo club, e que aborda eses libros que teñen como fondo de reflexión os inadaptados sociais, os seres humanos que dun xeito ou doutro se sitúan nas periferias da sociedade.

Nesta mesa redonda participarán a escritora Concha Blanco, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática da súa novela Nano; o escritor Marcos Calveiro, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática dentro da súa novela Rinocerontes e quimeras e a escritora Rosa Aneiros, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática na súa última obra Ás de bolboreta. Modera a mesa Ánxela Gracián. O acto terá lugar o xoves 26 de novembro de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (pazo do Obradoiro, Santiago).