Eva Veiga: “O interesado abandono da nosa lingua é síntoma do triunfo da mediocridade”

Entrevista a Eva Veiga en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Eva, é esencial na túa obra, moito máis que o ensaio, a narrativa ou o xornalismo?
Eva Veiga (EV): Si, supoño que cada quen ten o seu hobby-horse como escribiu Sterne, o seu cabalo de batalla, o seu especial modo de abordar a realidade e pensar o mundo. A fiestra pola que me gusta mirar ou esculcar a vida e o modo que escollo para unha comunicación profunda teñen que ver sempre coa poesía. Porén, a poesía nútrese de todo canto chega á conciencia e poida que aínda máis do que non somos conscientes. Tamén o outro se percibe atravesado, iluminado, pola visión poética. De xeito natural. (…)
GH: O intimismo poético, pode resultar unha arma de combate contra o terror institucionalizado polos entes da burguesía?
EV: O intimismo poético é revolucionario. Non hai revolución que non comece no individuo. A poesía manifesta por principio unha relación afectiva co mundo. É cando non amas ou non prestas atención a algo é difícil que o comprendas ou que o defendas. A publicidade empéñanse en que sintan os obxectos –os coches, os lavavaixelas- e que sexamos os homes e as mulleres cousificados: por que será? A poesía é ademais un ámbito privilexiado da liberdade e do sentido. É a linguaxe en crise, en permanente creación.”