O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).