Alfredo Conde: “Moito me gustaría recobrar as noites que Juan Ramón Díaz, Casares e mais eu pasamos bebendo Porto e falando”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Alfredo Conde en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Alfredo Conde (AC): Se por unha noite de festa se entende unha noite grata, unha noite amena na que falar de todo, moito me gustaría recobrar as moitas noites que Juan Ramón Díaz, Carlos Casares e mais eu pasamos bebendo viño do Porto e falando de todo o divino e o humano. Gustaríame falar con Murasaki Shikibu, a xaponesa do século XI. Debeu ser unha persoa extraordinaria.
Pero se do que se trata é de pasar unha noite de festa-festa, unha noite pagá, diríalle que iso se lle pregunta a un escritor ou a unha escritora antes da vellez ou, coma mal menor, formúlaselle doutro xeito, por exemplo e no caso que me ocupa: con que escritora lle tería gustado facer un par de pecadiños por detrás da igrexa, que diría o finado do Carlos Casares, facéndoo coa conciencia de que non hai que andar dando que falar e, a maiores, un élle moi mirado no tocante a certos asuntos. Velaí unha razón máis para quedar caladiño coma un peto e, por outra parte, responder á derradeira opción, a de que pode estar viva, podería implicar, no caso de non estalo, certa tendencia á necrofilia que non profeso en absoluto. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– AC: Unha saga de Allariz, que comezase no século XVII ou no XVIII coa descrición da vida e do ambiente dunha familia ilustrada, pola familia dos Feijoo-Montenegro, que se cruzaría logo, chegado o XIX, coa dos Rumbao, outra familia comezada por un Audal Rumbao no 1818, ao chegar á vila e se casar cunha Dopico Conde, para deixar vinte e dous fillos vivos e unha fábrica de curtidos a cada un deles e logo no, xa no XX cruzar as dúas anteriores coa dos Conde, tanto cos de Vilaboa, como cos de Valverde e tamén cos da Veiga, dos que precedo eu, tecendo unha trenza na que collesen tres coros que compuxesen unha a modo de sinfonía dun país coma o meu. Unha obra moi ambiciosa que para poder escribila tería sido preciso que eu dispuxera de tanta ambición e capacidade como as que ao mellor non teño e sobre todo dun tempo de dous ou tres anos e dun diñeiro dos que nunca dispuxen pois non levo feito outra cousa na vida máis que traballar arreo. O milagre é que deixe escrito todo canto deixo. Espero que por iso se me xulgue chegado o día. Se se decata, no que veño incidindo é na necesidade de que á xente, tamén a un escritor e tamén a min, se lle xulgue non polo que din que dixo, senón polo que realmente escribiu e fixo. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– AC: Hai moitos, faltaría máis. De rapaz lin con verdadeira devoción O acomodador e outras narracións, de Marcial Suárez e Vilardevós, de Silvio Santiago. (…)”

Unha biografía sobre Almoina recibe o Premio Ánxel Fole de ensaio

“Cumpríanse cincuenta anos do pasamento de exiliado e controvertido personaxe Xosé Almoina Mateos. Por iso, tanto El Progreso como Novacaixagalicia decidiron dedicarlle á súa figura esta edición do Premio Ánxel Fole de Ensaio. Isabel Gómez Rivas (Lugo, 1971) propuxo en Almoina, unha exhaustiva biografía buscando desentrañar a contradición que aparentemente dominou a vida de Almoina, a dun exiliado socialista en México convertido no secretario de Estado do ditador Trujillo e que, á vez, foi autor dunha incisiva denuncia do propio réxime trujillista. A súa investigación, que a levou por numerosos arquivos, acaba de valerlle o premio Ánxel Fole en ensaio. O xurado da XXV edición estaba integrado por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Ramón Díaz García, xornalista e director de El Ideal Gallego; José de Cora Paradela, director de El Progreso; e M.ª Teresa Cores Fernández, directora de contidos socioculturais de Novacaixagalicia, que actuou como secretaria do xurado, con voz, pero sen voto, decidiu outorgar, por unanimidade, o XXV Premio Ánxel Fole de Ensaio a Isabel Gómez Rivas polo seu traballo Almoina.” Desde Cultura Galega.

Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista

O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).