Unha biografía sobre Almoina recibe o Premio Ánxel Fole de ensaio

“Cumpríanse cincuenta anos do pasamento de exiliado e controvertido personaxe Xosé Almoina Mateos. Por iso, tanto El Progreso como Novacaixagalicia decidiron dedicarlle á súa figura esta edición do Premio Ánxel Fole de Ensaio. Isabel Gómez Rivas (Lugo, 1971) propuxo en Almoina, unha exhaustiva biografía buscando desentrañar a contradición que aparentemente dominou a vida de Almoina, a dun exiliado socialista en México convertido no secretario de Estado do ditador Trujillo e que, á vez, foi autor dunha incisiva denuncia do propio réxime trujillista. A súa investigación, que a levou por numerosos arquivos, acaba de valerlle o premio Ánxel Fole en ensaio. O xurado da XXV edición estaba integrado por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Ramón Díaz García, xornalista e director de El Ideal Gallego; José de Cora Paradela, director de El Progreso; e M.ª Teresa Cores Fernández, directora de contidos socioculturais de Novacaixagalicia, que actuou como secretaria do xurado, con voz, pero sen voto, decidiu outorgar, por unanimidade, o XXV Premio Ánxel Fole de Ensaio a Isabel Gómez Rivas polo seu traballo Almoina.” Desde Cultura Galega.

Armando Requeixo reclama maior atención cara á obra de Díaz Jácome

Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
Armando Requeixo articulou o seu discurso de agradecemento do premio literario Ánxel Fole sobre a base dun reiterado convite a coñecer directamente a obra de Xosé Díaz Jácome, dado que el considera que o escritor e xornalista mindoniense quedou preterido de xeito inxusto. Requeixo recibiu o galardón de mans do presidente de Novacaixagalicia Mauro Varela e da presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, que representaban ás dúas entidades organizadoras. O gañador avanzou nunha breve intervención improvisada pola figura e a obra do homenaxeado deixando para o final a idea que quería deixar no ánimo de todos os presentes. “Díaz Jácome era un home bo, amigo dos seus amigos”, apuntou, para engadir que se viu prexudicado pola fortuna de que eses amigos fosen “primeiros espadas”, como Álvaro Cunqueiro. (…)”

Bases do 25º Premio Literario Ánxel Fole, no ano 2011

“A Fundación Nova Caixa Galicia Claudio San Martín e o xornal El Progreso convocan o 25º Premio Literario Ánxel Fole, conforme ás seguintes bases (pódense descargar aquí: Premio Ánxel Fole 2011):

1.- Establécese un único premio indivisíbel de seis mil euros.
2.- Poderán optar a el todas as persoas que o desexen, con traballos en galego ou en castelán, inéditos, de extensión mínima de cen folios e máxima de douscentos, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara, referidos a calquera aspecto da vida ou da obra de José Almoina Mateos.
3.- Os orixinais enviaranse ou presentaranse por cuadruplicado, baixo plica, na sede da Fundación Nova Caixa Galicia Claudio San Martín en Lugo (Praza Maior, 16, 27001 Lugo), ou no xornal El Progreso (rúa Ribadeo, 5, 27002 Lugo). O prazo de admisión remata o 30 de setembro de 2011. Os redactores de El Progreso non poderán concorrer a este premio.
4.- O premio decidirase en Lugo, no mes de novembro.
5.- O traballo premiado será propiedade do seu autor, aínda que a primeira edición será publicada pola Fundación Nova Caixa Galicia Claudio San Martín. En posteriores edicións deberá constar a súa condición de Premio Literario Ánxel Fole.
6.- O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio, e será designado polas dúas entidades convocantes.
7.- Os orixinais non premiados non lles serán devoltos aos seus autores, nin as entidades convocantes manterán correspondencia sobre os mesmos.
8.- A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado que decidirá o premio. O feito de se presentar a este concurso supón a conformidade do concursante coas presentes bases.”

Armando Requeixo gaña o XXIV premio Ánxel Fole co seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista

O xurado do premio literario Ánxel Fole, organizado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso, declarou como vencedor da súa XXIV edición a Armando Requeixo polo seu ensaio Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista. Xosé de Cora, salientou en nome do xurado que “este traballo é unha completa biografía de Díaz Jácome referida a dúas vertentes: a de poeta e a de xornalista”. Engadiu que o texto trata “os aspectos máis salientables dunha vida intensa, que se desenvolveu, a maiores de no seu Mondoñedo natal, en Vigo e en Oviedo, tanto no Faro de Vigo como en La Voz de Asturias, que foron plataforma privilexiada da vida política e social”. Outro integrante do xurado, o escritor Paco Martín, loubou o traballo de documentación realizado por Requeixo antes de detallar que “fai unha biografía completa do autor sobre o que trata, ocúpase tamén da súa obra, para rematar con documentos, fotografías e unha estensa bibliografía de Díaz Jácome e sobre el”. Interesante é, na súa opinión, que se ocupa da parte literaria, “quizais a menos coñecida del, cando forma parte do que Méndez Ferrín chama A Xeración do 36, que son os escritores do seminario de Mondoñedo”. O fillo da figura estudada, Juan Ramón Díaz —que completa o xurado co director en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez— reiterou ese vencello do autor estudado coa cidade mariñá e con autores que pasaron por ela, como Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro ou Trapero Pardo, “que fundou Vallibria, onde estiveron todos”. Todos eles coincidiron na calidade e a amenidade da escrita de Requeixo, “que pode interesar non soamente aos estudosos da literatura”, apuntou José de Cora. O gañador é un investigador “que ten unha traxectoria contrastada e cumprida de traballo literario”, concluíu.
O profesor e filólogo Armando Requeixo incardinou a Díaz Jácome como “un dos membros da miña tribo”, en referencia a que Díaz Jácome é un dos autores que se moven no seu campo de investigación predilecto: a literatura de Mondoñedo. “Foi un autor ao que tratei en Escritores mindonienses (1998) cunha ficha biográfica e bibliográfica que era a máis ampla ata ese momento, e sobre o que quería volver, polo que a convocatoria deste premio foi unha motivación estupenda”, indicou. Considera básico recuperar a figura de Díaz Jácome, porque foi un autor que “non tivo unha proxección maior porque sempre foi moi humilde e porque lle tocaron unhas circunstancias de época, de coincidir con moitos grandes que non o favoreceron”. Con todo, o premiado co Ánxel Fole reitera que “merecía unha maior atención, e non soamente como xornalista, senón tamén porque foi un poeta notable”. (De El Progreso, onde se pode consultar máis información).

Alberto Gómez Aneiros gaña o XII Premio Ánxel Fole

«O primeiro premio foi para Encontros e desencontros, de Alberto Gómez Aneiros, veciño de Santiago e nado no Ferrol. O xurado resaltou a súa técnica, «que partindo dun blog crea un relato cunha atractiva tensión narrativa». En segundo lugar quedou a obra O sangue que tinxe as rúas de Gottan, de Alberto Rodríguez, de Ourense. O xurado gabou a súa «impecable calidade literaria».

O xurado de galego decidiu conceder un accésit a un relato que sorprendeu polo seu léxico e «as riquezas metafóricas». Trátase de A pleitesía do sorriso nas gamelas, de Rocío Leira Castro, de Cee.» (La Voz de Galicia)