Vigo: Vilagrafías, exposición poético-fotográfica de Anxo Cabada

Do xoves 7 de xullo ao domingo 11 de setembro, con horarios de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta, pódese visitar a exposición Vilagrafías, unha recreación poético-fotográfica da xeografía visual e sentimental das vilas e cidades galegas, onde se conxuga, dunha banda, a descrición (textos, poemas ou outros escritos) dos autores nados nesas vilas (María Xosé Queizán ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros) e, da outra, a mirada fotográfica do estradense Anxo Cabada.

Vigo: presentación do Dicionario de surrealismo e surrealistas, de Xesús González Gómez

O martes 29 de marzo, ás 19:30 h., no Verbum – Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, preséntase o Dicionario de surrealismo e surrealistas, de Xesús González Gómez, publicado por A Nosa Terra e a Fundación Eugenio Granell. O acto, no que participará o seu autor, será de entrada libre e gratuíta até completar aforamento (40 persoas).

Vigo: primeira sesión do Cabaret poético Merendacea, no Verbum

O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no museo Verbum–Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo a primeira sesión do cabaret poético Merendacea, a nova proposta dos creadores dos recitais–combate A hostia en verso. Merendacea é un espectáculo colectivo estruturado en base a pequenos números que teñen como denominador común a lírica. É un recital, pero non só iso. Nace da necesidade de experimentación dun grupo de creadores que procuran novas maneiras de transmitir o feito poético ao público. Por iso en Merendacea hai versos, música electrónica, títeres que recitan a Lois Pereiro, unha subasta de obxectos poéticos, videocreación e, sobre todo, moito humor. E tal vez unha escasa dose de solemnidade, necesaria aínda non sabemos moi ben para que. Nesta primeira sesión porán os versos, e outras cousas, Ledicia Costas; Xabier Xil Xardón; Daniel Landesa e a pintora María Longa; David Rodríguez; Lara do Ar; Miguel Valverde; María Reimondez e o titiriteiro Borxa Ínsua. O indefinible dúo eléctrico IgMig encargarase da parte musical, a artista d’O sorriso Felino elaborou os incribles poemas-obxecto e as poetas María Lado e Lucía Aldao oficiarán de presentadoras desta singular noite. Merendacea é un proxecto producido integramente polo museo Verbum–Casa das Palabras de Vigo.

Vigo: exposición O obxecto poético e a edición, no Verbum

Do xoves 17 de febreiro ao domingo 1 de maio, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e en horario de 10:00 a 19:00 h., pódese visitar a exposición O obxecto poético e a edición. Dúas achegas dende o surrealismo. Colección da Fundación Eugenio Granell, unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo creado ad hoc para o Verbum pola Fundación Eugenio Granell. A exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcel Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento. A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A inauguración terá lugar o xoves 17 de febreiro ás 20:00 h.