O sábado 19 de marzo chegou aos quioscos galegos o último número de ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia. A publicación distribuiuse gratuitamente cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. A partir do martes 22 de marzo, tamén se poderá conseguir coa revista Tempos.
ProTexta contará nas súas páxinas con Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e Nacional de Poesía, nunha conversa de poeta a poeta con María do Cebreiro na que manifesta o seu aprecio pola literatura galega: “Se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua”.
A poeta e xornalista Ana Romaní, responsábel do Diario Cultural da Radio Galega, afonda nas razóns de ser da súa última obra, Estremas, que supón un xiro consciente nas marcas da súa poética. “A poesía escrita por mulleres nos anos 90 tivo un efecto moi importante en canto a visibilización. Pero ao mesmo tempo foi excesivamente uniformizador, negou subxectividades e imposibilitou lecturas específicas e máis en profundidade”, manifesta. Ao longo dunha ampla entrevista, Romaní dialoga sobre a súa escrita e as súas influencias, racha coas etiquetas coas que foi catalogada, e aborda tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso feminista.
“Un grande escritor non o é só por razóns literarias”, sentencia para ProTexta Antón Figueroa. O filólogo, que adaptou para o caso galego a teoría dos campos literarios de Pierre Bourdieu, conversa ao redor do seu último estudo, Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010), que afonda nos mecanismos de poder ao redor da escrita.
Ademais, o amplo abano de colaboradoras e colaboradores de ProTexta, entre os que encontran destacados nomes da literatura e da crítica galega, analiza as novidades máis relevantes dos últimos meses en narrativa, poesía, ensaio, tradución, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.