Na rúa o número 20 da revista de libros ProTexta

“Neste ProTexta 20 abórdanse algunhas das máis salientables novidades editoriais nos campos da poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada. Procuramos o alento crítico e estamos na rúa grazas a unha completa nómina de colaboradores e colaboradoras que len canda nós.
“Non son alleo á normalización cultural, son contrario”, afirma Alberto Lema na capa, chamada á entrevista longa deste número. No fío da publicación de Da Máquina (Galaxia, 2012), a súa terceira novela, falamos co narrador e poeta dunha escrita que entende como forma de acceso ao real contemporáneo. Tamén recollen as páxinas deste ProTexta entrevista con Samuel Solleiro, que regresa ao relato con Gran tiburón branco (Xerais, 2012) e que anda arredor de posmodernidade fronte a modernidade.
Letras de cancións que constrúen un retrato colectivo percorren a reportaxe coa que abrimos este número, de Ataque Escampe a Das Kapital. E entre a crónica e o artigo de ton ensaístico achegámonos á entrega dos últimos Premios Rosalía de Castro, do PEN Clube, e á traxectoria dun dos recoñecidos, José Viale Moutinho, narrador, poeta e xornalista portugués.
No apartado de narrativa dedicamos un artigo ao volume de relatos de Bieito Iglesias, Contos da terra da tarde, e unha crítica á novela Dark butterfly de Rexina Vega. Aténdese a poesía na recensión da obra Balea2, de Estevo Creus. Canto ao teatro, trázase unha ollada á creación dramática de Isaac Díaz Pardo. E o apartado de literatura infantil e xuvenil inclúe noticia da máis recente tradución de Canto de Nadal, de Charles Dickens, de 2044 de Eduardo Santiago, e do álbum de Eric Carle O artista que pintou un cabalo azul. Habibi, de Craig Thompson, é o volume escollido para a banda deseñada.
A crítica dun volume colectivo arredor da achega dos emigrantes a América ao desenvolvemento da educación, editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, abre unha cumprida sección que atende o ensaio. Nela inclúese tamén un artigo sobre dúas publicacións urxentes arredor do 15M, A praza é nosa e O pobo indignado. Amais, críticas dunha recolleita de artigos de Xavier Vence, dos volumes que percorren a vida e o pensamento de Luís Soto, José Pasín e Santiago Montero, e de O rastro que deixamos, libro de Agustín Fernández Paz, a camiño entre crónica e creación. A crítica dunha compilación de estudos arredor da arte en América Latina e un artigo que aborda os dous libros máis recentes de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo e A rota do sol, completan este apartado da publicación.
Pechamos este número vinte cun artigo en que o poeta, narrador e xornalista Manuel Darriba anda os carreiros do pensamento contemporáneo para opor á interpretación característica da posmodernidade a contundencia dos feitos.”

Arturo Casas: “Co blog volvín experimentar o pracer da escrita”

Entrevista a Arturo Casas en Protexta, desde Galaxia:
“Así titulan no último Protexta a entrevista que Marta Pérez Pereiro lle fixo a Arturo Casas con motivo da publicación do libro Alusión, que escolma unha parte do seu blog Lándoas. Velaquí podedes ler a entrevista completa.”

Quiosco: ProTexta 19

“A entrega correspondente ao inverno de 2012 de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos está xa na rúa. Esta mesma fin de semana o número distribuíase con El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, e agárdase que en breve estea dispoñible para descarga no web destas publicacións. Unha ampla entrevista a Fran Alonso abre esta edición, e está acompañado no sumario por textos sobre Proxecto Derriba, unha entrevista a Arturo Casas e diferentes recensións sobre a produción cultural galega dos últimos meses.” Vía Cultura Galega.

ProTexta nº 17: entrevistas a Antonio Gamoneda, Ana Romaní e Antón Figueroa

O sábado 19 de marzo chegou aos quioscos galegos o último número de ProTexta, a revista de libros de maior difusión de Galicia. A publicación distribuiuse gratuitamente cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. A partir do martes 22 de marzo, tamén se poderá conseguir coa revista Tempos.
ProTexta contará nas súas páxinas con Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e Nacional de Poesía, nunha conversa de poeta a poeta con María do Cebreiro na que manifesta o seu aprecio pola literatura galega: “Se sacásemos a media cualitativa da literatura de Galicia e a doutras rexións de España, ou do resto de España na súa totalidade, sería máis alta en Galicia. E isto ten que ver coa vontade de vivificar a lingua”.
A poeta e xornalista Ana Romaní, responsábel do Diario Cultural da Radio Galega, afonda nas razóns de ser da súa última obra, Estremas, que supón un xiro consciente nas marcas da súa poética. “A poesía escrita por mulleres nos anos 90 tivo un efecto moi importante en canto a visibilización. Pero ao mesmo tempo foi excesivamente uniformizador, negou subxectividades e imposibilitou lecturas específicas e máis en profundidade”, manifesta. Ao longo dunha ampla entrevista, Romaní dialoga sobre a súa escrita e as súas influencias, racha coas etiquetas coas que foi catalogada, e aborda tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso feminista.
“Un grande escritor non o é só por razóns literarias”, sentencia para ProTexta Antón Figueroa. O filólogo, que adaptou para o caso galego a teoría dos campos literarios de Pierre Bourdieu, conversa ao redor do seu último estudo, Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laiovento, 2010), que afonda nos mecanismos de poder ao redor da escrita.
Ademais, o amplo abano de colaboradoras e colaboradores de ProTexta, entre os que encontran destacados nomes da literatura e da crítica galega, analiza as novidades máis relevantes dos últimos meses en narrativa, poesía, ensaio, tradución, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada.