O venres 29 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a última conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Antonio Gamoneda falará sobre Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, e a continuación ofrecerá unha lectura poética. A presentación do acto correrá a cargo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, contando tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e da Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo.
Gamoneda recollerá neste acto o galardón “Escritor Galego Universal“, despois dunha laudatio do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, quen indicou que o homenaxeado “é un home que fala da nosa lingua e da nosa poesía con fraternidade, valorizándoa, por ser, en palabras súas, a lingua galega palabra insurxente por ser necesaria para una realidade que queren sexa sometida, que está a ser minorizada en contra da vontade dos galegos e galegas. En Gamoneda, tan importante como a súa poesía son as súas reflexións sobra a xeración do pensamento poético. Un poeta que defende que a poesía non é literatura, que é una forma de coñecemento. E que na súa poesía fala desde o acto de rebeldía que supón en plena posguerra reivindicarse desde a humanidade dos paseados, da fame, do medo, dos desaparecidos, fálanos dos que negaban os libros da historia. El como poeta revelounos naquel tempo o terríbel segredo do que aconteceu.”
Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 con Sublevación inmóvil até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma coa permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
O propio venres 29 de abril, ás 12:30 h., o autor comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez), co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
Crónicas posteriores en Galicia Hoxe, Xornal e La Opinión.