Agustín Fernández Paz: “A miña xeración ten unha sensación de estafa polo tempo que nos tocou vivir”

Entrevista de Santiago Jaureguizar a Agustín Fernández Paz en El Progreso (a través de Xerais):
“- El Progreso (EP): Resístese a falar de si mesmo, pero non da súa xeración. Faino en Non hai noite tan longa.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda falaba iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou vendo agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración. (…)
– EP:  Escribiu Non hai noite tan longa pensando nos adultos?
– AFP: Non, escribína coa mesma dedicación cas outras. O editor leuna e falamos de metela nunha colección sen adscricións. Eu véxoa tan de adultos coma outras novelas miñas, como Aire negro. Daquela, no 92, preferín metela nunha colección para rapaces porque pensei en chegar a máis lectores. (…)
– EP: A que ámbitos debería acceder a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) para a súa normalización?
– AFP: Xa se fixo madura, aínda que en España tardou máis en chegar. Hai xente adulta que le este tipo de literatura e non lle caen os aneis. Saben que hai cousas boas, malas e regulares, como nos outros. Os escritores de LIX son máis visibles… se seguimos así, os editores non mirarán se publican nunha colección ou noutra.
– EP: A entrada na RAG dalgún autor sería o paso definitivo?
– AFP: Esa polémica anda por aí, pero paréceme máis importante a entrada das mulleres.”