Domingo Tabuyo: “Seguiremos loitando para evitar que o ceo caia sobre as nosas cabezas”

Entrevista a Domingo Tabuyo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): En que xénero literario estás máis a gusto: poesía, novela, ensaio, crítica, teatro…?
– Domingo Tabuyo (DT): Eu navego máis tranquilo nos mares da poesía, na que nacín a este mundiño de letras e onde comecei a facer construcións poéticas que soportaron as probas de carga de editores e premios literarios, e polo tanto a miña Ítaca estará sempre onde residan os versos indispensables para construír reflexións e denuncias. A novela é a miña segunda patria, e a pesar de precisar credenciais moi distintas, son case un cidadán asiduo deste espazo creativo e pretendo continuar facendo letras verticais de poemas e horizontais de novela porque son as dúas maneiras creativas coas que podo achegar voz e reflexión no noso tempo e na nosa sociedade.
– GH: A túa nova novela Svea Kött, é para ti a máis “lograda” polo de agora?
– DT: Svea Kött é a miña última novela e, polo tanto, a que incorpora máis e mellores elementos narrativos, recursos e tramas que fan dela unha novela que vai gustando e que recolle moi boas valoracións por arte de xente moi diversa. Estou moi satisfeito de como vai indo, e tanto na presentación en Santiago por parte de Francisco Caamaño, como na de Méndez Ferrín en Cambados, as diseccións que fixeron da obra e a valoración obtida foi altamente positiva. En calquera caso, un o que pretende é mellorar cada día e en cada obra e iso é o que pretendo e pretendín sempre, polo tanto sempre a seguinte será a mellor. (…)
– GH: Podería definirse como de esplendor o momento actual da literatura galega?
– DT: A escrita galega está nun gran momento, cun alto nivel de títulos, de publicacións e de autores que van tendo recoñecemento a nivel nacional e internacional. Dende as institucións e dende os medios públicos debe facerse un esforzo maior para difundir e divulgar esta riqueza que Galicia posúe, e axudar á promoción da lectura e das novas voces que asoman entre os mozos.”