As distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas entregáronse este sábado no Carballiño

Extracto da acta de concesión das Distincións Setestrelo 2011, entregadas na III Festa da Palabra na Insua dos Poetas o sábado 9 de xullo:
“Reunido na data de hoxe na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño, Ourense) ás 12:00 hs. do mediodía, o xurado encargado de outorgar as distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas, integrado por: Luís González Tosar, Maribel Outeiriño, Xosé Cid, Xan Fonseca Moretón e Antonio Piñeiro, actuando como secretario do xurado, con voz e sen voto, Xabier Castro Martínez, logo de examinar e debatir as diferentes propostas por parte dos membros do xurado, acordan, por unanimidade, conceder os galardóns Setestrelo 2011 ás seguintes persoas e institucións:
– Instituto de Estudios Carballiñenses.
– Arturo González Gil.
– Arximiro Marnotes Rodríguez.
– Galicia Hoxe.
– Manuel Gallego Jorreto.
– Antón Lamazares.
– Prof. Xesús Alonso Montero.
Todos sete, de aí o Setestrelo, destacan pola súa entrega e polo seu labor de difusión e promoción da cultura, pola súa sensibilidade co proxecto da Insua dos Poetas. Todos sete, cada un ao seu xeito, veñen sendo partícipes deste soño, deste diálogo permanente entre a literatura, as artes plásticas, a música… en xeral a creatividade, neste espazo natural, neste locus amoenus que medra, ano a ano, nesta fraterna xuntanza entre cultura e medio ambiente.

Na Esgueva, a 8 de xullo de 2011.