Fina Casalderrey: “A vida é o mellor taller literario”

Entrevista a Fina Casalderrey en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Pode dicir que se vai da docencia coa mochila chea.
– Fina Casalderrey (FC): Pois é certo. Voume coa mochila chea de afectos, dos compañeiros, e dos nenos e nenas. Iso faino por un lado máis doce, e por outro, notas un pouquiño de “demasiado pronto”. É coma se foses un afogado; eu nunca estiven afogándome, pero polo que din pasa a vida como nun momentiño toda por diante. Pois a miña vida profesional tamén. É coma se me pasase toda por diante. De todo o que me levo non son as cousas prácticas ou as teorías que ensinei, senón outras as que máis quedan. Cando alguén se emocionaba cun poema… Ou dicía: “Profe, fixen un poema ao estilo de O divino sainete de Curros”. Agora mesmo, cando pensas que os nenos pasan máis desas cousas non é certo, porque estes días demostráronmo con esas bágoas sinceras, con cartas deliciosas ou con frases como: “Cando me dean o Nobel de Ciencias, voucho dedicar a ti e á miña avoa…” Con isto pensas: non o debín facer tan mal. E prefiro irme sen que me boten, cando sinto que aínda me queren, cando eu os quero. Prefiro irme cando só me cansan e non me aburren. Esta é unha dor que paga a pena vivir, aínda que doa, é peor non a ter vivido nunca. É máis, este ano, que xa sabía que me ía, parecíanme os nenos máis bos que nunca. Daba Galego nuns cursos e noutros Matemáticas e tiven moita sorte, tiven un curso excelente. Había uns nenos espabiladísimos. (…)
– LVG: Agora que deixa a docencia terá máis tempo para escribir.
– FC: Agora quero vivir, que a vida é o mellor taller literario. Terei tempo para vivir outras cousas e beber do que xa vivín. Xa entro nesa etapa [ri] de mirar dentro. E por suposto non perder o contacto coa realidade de fóra, supoño que cos nenos non a perderei cando haxa encontros en escolas ou así. Se penso que vou perder, si que me entra unha saudade que doe e non me gusta.”