Manuel Bragado: “Non é tempo de desolación, senón de entusiasmo e corresponsabilidade”

Entrevista a Manuel Bragado en Xornal:
“- Xornal: Como está o sector [editorial] en Galicia?
– Manuel Bragado: Non é alleo ao que acontece no sector a nivel internacional. Os nosos problemas son moi similares aos dos alemáns ou os franceses. Estamos no tránsito do libro analóxico ao libro dixital, esa é a circunstancia contemporánea. É certo que os editores galegos, e sobre todo os que editamos exclusivamente en lingua galega, estamos moi mediatizados polo proceso que vive este país. Dende hai dous anos, pero non só dende hai dous anos, vivimos un certo desacougo, que non desesperanza. Gustaríanos xogar ao ataque, o jogo bonito, pero vémonos na obriga de poñernos á defensiva. Un editor ten que ser prudente, pero eu non lle teño medo á política. O partido gobernante, lexitimado polos votos, está tratando de presentarse como un modelo de recentralización, descontruíndo algúns dos grandes acordos que forxaron a autonomía política dos últimos trinta anos, e isto coincide cunha crise financeira mundial. Agora ben, eu son moi crítico tamén cos partidos da oposición. En dous anos foron incapaces de configurarse como alternativa real. (…)”