“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.