Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 6 no Culturgal

DoCulturgal 4 ao 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horario de 11:00 a 20:00 horas o domingo 6, ten lugar o Culturgal 2015. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 6 son:
12:00 h. Concerto de presentación do libro-disco Canta o Cuco. Uxía e Magín Blanco na casa de Manuel María. Con Guillerme Fernández (guitarra) e Santi Cribeiro (acordeón). Espectáculo de pago. Auditorio.
12:00 h. Cultura que une 2016. Fundación Vicente Risco. Espazo Foro.
12:00 h. Bailarete: autoedición do libro ilustrado. Espazo Libro.
12:30 h. Debate arredor do ensaio Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación, de Xavier Navaza, publicado por Xerais, co propio autor, Benigno Fernández Salgado e Manuel Bragado. Espazo Foro.
12:30 h. Presentación de 100 anos de traballo por Galicia, por Galaxia. Unha conversa moderada por Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia, coa que se renderá unha homenaxe aos autores que xogaron unha peza clave na nosa historia e literatura. Con Henrique Monteagudo e Xavier Martínez Cobas. Preséntanse as fotobiografías de Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Ramón Otero Pedrayo. Espazo Libro.
13:00 h. Presentación de O frío azul, de Ramón Caride, publicado por Urco Editora. Espazo Libro.
13:30 h. Presentación do libro e a web Pito Galego. Método práctico, de Moisés Quintas, publicado por Ouvirmos. Espazo Libro.
16:15 h. Faladoiro da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI): A tradución e interpretación nas industrias culturais. Espazo Foro.
16:15 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
16:45 h. Presentación de Un cesto de mazás e Do gris ao violeta. Achegas á historia das mulleres de Pontevedra, do Concello de Pontevedra. Espazo Libro.
17:30 h. Presentación do libro de banda deseñada STRPTS, por Cinema Sticado. Espazo Libro.
17:30 h. Mamá Cabra presenta A bruxa Discordia, libro-disco publicado por Galaxia. Espazo Carpa.
18:00 h. Presentación de O Piloto, o último guerrilleiro, de Afonso Eiré, publicado por Hércules de Edicións. Espazo Libro.
18:00 h. Presentación de Balea, libro despregable de Germán González e Federico Fernández, nun espectáculo dirixido ao público máis pequeno. No Espazo Infantil.
18:15 h. Iniciativas do Ano Manuel María. Fundación Manuel María. Espazo Foro.
18:30 h. Caer de cu polo Universo. Contacontos e ilustración en vivo, con Estíbaliz Espinosa, publicado por Apiario. Espazo Infantil.
18:30 h. Mesa Compostela Literaria. Espazo Libro.
18:30 h.: Sinatura de María Reimóndez, Héctor Carré, Antonio Tizón, Diego Ameixeiras e Xoaquín Fernández Leiceaga. Stand de Xerais.
19:00 h. Debate sobre a novela negra organizado por Xerais. Participan: Héctor Carré, autor de Hai que matalos a todos; Antonio Tizón autor d’A antesala luminosa; Diego Ameixeiras, autor d’A noite enriba e Xoaquín Fernández Leiceaga, autor de Agosto de memoria e morte. Modera a xornalista Montse Dopico. Espazo Libro.
19:00 h. Sinatura de exemplares de Caer de cu polo Universo, por Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo, ilustradora do libro. No stand de Apiario.
19:30 h. Presentación de Traca-Traco. 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo, de de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, publicado por Edicións do Cumio. Espazo Infantil.
19:30 h. Lectura de A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado por Xerais. Con Mercedes Peón. Espazo Foro.

Héctor Carré: “Non todos os xornalistas son como os tertulianos de Sálvame”

EntrevistaHéctor Carré Hai que matalos a todos de Montse Dopico a Héctor Carré en Praza:
“(…) – Praza (P): O poder. Ese é, en realidade, o tema da novela [Hai que matalos a todos]. Por que?
– Héctor Carré (HC): Si. A partir dun incidente, que é que o príncipe atropela un home e foxe, hai unha reflexión sobre o poder. É unha novela negra, e para min o interesante da novela negra é a crítica social. O que facían Raymond Chandler e Dashiell Hammett, que era criticar a relación da política coa corrupción. E o que me interesa é iso: o poder, como se exerce, que tentacións pode ter, que parte da súa actividade é legal e cal é ilegal. Porque en todos os países hai fondos reservados, axencias secretas… e cousas que non se confesan. Lin varios libros sobre o tema, como O poder de Bertrand Russell. Ese é o transfundo. A partir dunha historia que implica a un axente dos servizos secretos, un xornalista e, polo medio, un particular… (…)
– P: Hai conexións entre esta nova novela e Diario dun impostor, a primeira que escribiches. Néstor é unha persoa insegura, como Onofre, que minte para ser aceptado. En Diario dun impostor hai unha crítica sobre o “mundo da cultura” e a tendencia a evitar as críticas protexéndose uns a outros.
– HC: É normal que haxa conexións porque é o mesmo autor, claro, pero eu tampouco son moi consciente diso. Se cadra o lector ou quen me faga unha entrevista pode ver máis diso ca min mesmo. E, claro, a acción dramática inclúe reflexión e, polo tanto, crítica. O que dicías da cultura é algo que si penso: na arte vexo cousas que me cheiran, como o elitismo que serve como pretexto para vestir de traxe o rei espido e que todos aplaudan. A arte moderna está, nese sentido, un pouco perdida, na miña opinión. (…)

A Coruña: presentación de Hai que matalos a todos, de Héctor Carré

OHéctor Carré Hai que matalos a todos xoves 7 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e os actores Daniel Currás, Luísa Merelas e César Cambeiro, que farán unha lectura dramatizada de textos da novela.

A Coruña: presentación de Febre, de Héctor Carré

O xoves 1 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase Febre, de Héctor Carré, publicado en Xerais. O acto, organizado para os alumnos e alumnas de Bacharelato Audiovisual do IES Adormideras, contará coa participación de Manuel Bragado e propio autor, quen falará cos estudantes da súa novela e sobre a relación da literatura co cine.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”

“As editoriais galegas apostan pola narrativa clásica e contemporánea nas novidades de outono”

“Despois do repouso do verán, as editoriais galegas prepáranse para a recta final do ano cunha oferta que abrangue os xéneros e autores máis diversos. Unha das novidades máis esperadas nos andeis é a das novelas galardoadas nos premios Xerais. O gañador, Xavier Queipo, recupera o xénero de aventuras en Extramunde, un relato de mar e viaxes. Na categoría infantil triunfou nestes premios a ciencia-ficción. A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, fala da creación do primeiro ser humano artificial nunha literatura cargada de fantasía e humor. O terceiro premiado, Héctor Carré, publica a novela xuvenil Febre, unha historia do Oeste situada en terras galegas na que non faltan espías, armas e unha moza que decide non someterse ao destino e forxar o seu propio camiño. Estas tres novelas estarán acompañadas do último traballo de María Xosé Queizán, que presentará nos próximos meses Meu pai vaite matar (Xerais). Outra das novidades estrela será a nova entrega de Domingo Villar protagonizada polo detective Leo Caldas. Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados, chega Cruces de pedra (Galaxia), unha novela que arranca coa desaparición dunha muller en Moaña. Nesta editorial publicarase tamén Laura no deserto, o regreso de Antón Riveiro Coello, e Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias. (…)” Vía La Voz de Galicia.

Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.

– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigasPrometeo e Trampa de luz.  Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Prometeo, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña (1977) e corresponde ao título A chave da Atlántida, novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica. O autor premiado declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. “Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o Premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.”

– O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas ÁnxelaGabirroPelouro. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pelouro, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré (1960) e corresponde ao título Febre, obra que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial. O autor comentou que Febre naceu dos seus recordos. “Cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo ‘nos tempos do volframio…’ Eran como o “érase unha vez nun país  de moi lonxe” dos contos de fadas, a diferenza estaba en que esas historias pasaran aquí mesmo. Eu non sabía moi ben o que pasara naqueles tempos do volframio, pero escoitaba fascinado por un mundo que me parecía completamente diferente ao que eu coñecía, un mundo de aventureiros que andaba na procura dun ouro negro, de xente que andaba armada pola rúa, que arriscaba a vida por unha beta de mineral. A min parecíame unha película do oeste. Decidín escribir esta historia deixándome levar por ese estilo das películas do oeste, un estilo épico que encaixaba perfectamente na loita do personaxe central, Carmucha, unha rapaza que ten que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte na procura da súa liberdade.”

– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.  Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo e corresponde ao título Extramunde. O autor declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro. Entremedias 20 anos pasados de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito de resistencia contra a ignominia. Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Mais non é só iso, senón unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Extramunde, admite, pois, variadas lecturas, con distintos planos de profundidade, coma se un fose debullando unha a unha as capas dunha cebola, ate atopar o seu núcleo central e, no camiño, rir e soñar, anoxarse e sufrir, evadirse e finalmente, se cadra, chorar.”

A festa literaria da entrega dos premios Xerais consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, como mantedora literaria desta velada, rememorou no seu discurso: Escribir en nome propio, as trobairitz, as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. A autora sinalou que “o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.” Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Turismo, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios, e reclamou nestes tempos de recurtes a maior atención para o mundo do libro e da cultura.

Recollido tamén en Cultura Galega, Asociación Galega de Editores, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Xornal, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, Diario de Pontevedra, El Progreso, A Nosa TerraEuropa Press.

Na rede tamén se poden consultar as repercusións en diversos blogs e varias fotogalerías, como a de Manuel G. Vicente.