Agustín Fernández Paz gaña o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil

‘”Polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara. Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas” e o feito de que “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”. Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach. A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.’ Vía Galaxia. Tamén reseñado en Cultura Galega, Xerais, Baía, AGE, Galiciaé, La Voz de Galicia, La Opinión, El País (Galicia), Xornal, Galicia Hoxe, Portal Galego da Língua e Mesa pola Normalización Lingüística.