Chus Nogueira di que Álvaro Cunqueiro se recoñecía nos contadores de historias e soñadores

Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“A profesora de Humanidades María Xesús Nogueira explicou onte que Álvaro Cunqueiro identifícase fundamentalmente con dous modelos de personaxes seus: o contador de historias e máis o soñador. Nogueira foi convidada polo club Valle Inclán para falar sobre o escritor mindoniense co gallo de cumprirse o centenario do seu nacemento. A experta atendeu a dúas facetas do autor na súa exposición, que son a de contador de historias e a de creador de personaxes.
Segundo comentou, o creador mindoniense estivo sempre pivotando entre o popular e o culto, entre Galicia e o mundo, mesmo o mundo da fantasía. A respecto do seu catálogo de personaxes indicou que “unha boa parte están inspirandos en xente de Mondoñedo e outra, nas lecturas máis queridas para el da tradición literaria”. En referencia aos tipos clásicos, apuntou que “vai levándoos de libro a libro, como é o caso de Merlín ou Simbad, porque vai creando modelos”. Nesas categorías, citou tanto o contador de historias e o soñador, que identifican ao escritor na súa obra, como outros que poden ser o paxe, o viaxeiro ou os personaxes do teatro. Como contador de historias, “fai un simulacro de literatura popular, de personaxe que está contando, polo que, para moitos, entronca coa tradición oral; eu creo que entronca cun modo de contar que el reivindica como un trazo da nosa identidade”. O que si fai é “anosar personaxes para achegalos a Galicia, aínda que outras veces se mete nas coordenadas da fantasía, como con Simbad”.”