Estevo Creus: “Un libro ten vida independente, é coma un pequeno artefacto”

Entrevista a Estevo Creus en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como xurde este poemario [Tirotea2]?
– Estevo Creus (EC): Nace dunha experiencia nun asilo de Lalín de anciáns de alta dependencia onde traballaba ou meu amigo Celso Fernández Sanmartín. El acostumaba a facer actividades con maiores e con nenos e xa traballaran con algúns dos meus Poemas da cidade oculta. A raíz diso enviáronme algúns debuxos e convidáronme a visitalos a cambio de que fixera algo despois.
– LVG: ¿Supón unha responsabilidade engadida traducir a poesía ás experiencias deses nenos e anciáns?
– EC: Isto ocorreu hai tres ou catro anos e foi unha cousa máis de xogar que de responsabilidades; de traballar e de participar en algo en común.
– LVG: ¿Foi moi complicado combinar o traballo con persoas de idades tan diferentes?
– EC: Eu non pensaba en nenos e adultos, senón nun libro que recollese ese traballo, con poemas nunha linguaxe moi sinxela e con toque humorístico que recollese os debuxos dos nenos, pero tamén pensando que o teñen que gozar os adultos aínda que os pequenos non entendesen algunhas cousas. Pero os libros teñen unha vida independente, son coma pequenos artefactos.
– LVG: ¿Repetiría a experiencia?
– EC: Un autor vai cambiando e vai buscando, isto non é unha cousa casual. A poesía busca camiños e un deses camiños pode ser o xogo, o humor, a ironía. Os meus libros anteriores eran máis ben serios, que non é o mesmo que profundos, pero interésame tamén o humor e a sorna como forma de coñecemento.
– LVG: Este Tirotea2 xa inspirou ata un espectáculo de danza.
– EC: Así é. Xa antes de saír o libro leuno algunha xente. A compañía Traspediante fixouse nel e pareceulle interesante traballalo na danza. Os debuxos, as bailarinas e os textos dalgúns poemas interactúan no escenario. É un espectáculo propio e diferente, pero para min foi un orgullo e unha ledicia.”