A Deputación da Coruña entrega os 7 premios culturais que convocou en 2011

“A Deputación da Coruña entregou a noite do luns 13 de febreiro os sete premios culturais que convocou en 2011 durante a IV Gala da Cultura, celebrada no Pazo de Mariñán, no municipio de Bergondo, nun acto que estivo marcado polo recente falecemento do histórico galeguista Isaac Díaz Pardo. (…)
A escritora Esther Bendahan, en nome dos premiados, agradeceu á Deputación coruñesa a súa implicación por apoiar a cultura nun momento en que “os creadores parece que teñen que escusarse por decidir dedicar o seu tempo, a súa vida, á súa obra”. “É un alivio para todos nós que haxa unha vontade de resistencia, que existan premios como os que outorga hoxe esta Deputación para que os creadores manteñan a súa esperanza e continúen os seus proxectos en busca da luz”, explicou a gañadora do premio de narrativa Torrente Ballester. Ademais de Esther Bandahan recibiron os seus galardóns o grupo Pulsar, gañador do IV Concurso de Rock; Sonia Higuera, distinguida co IV Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, e Ignacio Vilariño e Iván Suárez, gañadores do VII Premio de Cómic Castelao. Javier Martínez Campos recibiu o IX Premio de Composición Musical Andrés Gaos, mentres que galardón do XII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo compartírono Fruela Alonso Branco, Berta Álvarez Cáccamo, Antonio Carbajo Villaverde, Víctor Hugo Costa Alonso, Xabier de Sousa Alonso, Vitoria Diehl López, Carlos Maciá Fernández, Yolanda Martínez Dorda e José Andrés Santiago Igrexas. Finalmente, o XV Premio de Teatro Rafael Dieste foi recibido por Manuel Guede Oliva.