Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais convocado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado.
Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.”

Sophie non é o meu nome de guerra, de Roberto Pascual, gaña o XX Premio de Teatro Rafael Dieste

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Sophie non é o meu nome de guerra foi escollida esta mañá polo xurado como gañadora do XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Roberto Pascual Rodríguez. O autor é profesor da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
O xurado estivo composto pola dramaturga Paula Carballeira, pola vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, pola actriz Iria Pinheiro, pola a actriz e creadora escénica Marta Pérez e polo autor gañador da edición anterior, Fernando Castro Paredes, e escolleu por unanimidade a obra Sophie non é o meu nome de guerra entre as 54 presentadas. Na reunión tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente do xurado e a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria.
O xurado salienta que “se trata dun texto poético para unha historia descarnada que trata temas de máxima actualidade como é a migración feminina”. Tamén indica que “aborda un tema insólito no teatro galego xa que que expón unha realidade próxima aínda que parece invisible como é o tráfico de persoas e o emprego do corpo da muller”. O fallo do premio valora ademais que “a historia está contada de xeito innovador, con calidade literaria e constrúe unha personaxe feminina moi complexa”. Doutra banda, á hora de escoller a obra puxeron en valor que “resulta de especial interese por transcorrer a acción na actualidade e nunha cidade galega”. (…)”

A obra Amorodo agre, de Fernando Castro Paredes, gaña o XIX Premio de Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“Coa súa obra Amorodo agre, o escritor e profesor Fernando Castro Paredes converteuse en gañador do XIX Premio Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O autor é profesor no IES Fernando Blanco de Cee, traballa no ámbito do teatro escolar e afeccionado e gañou, entre outros, o Varela Buxán e Vidal Bolaño de textos teatrais.
Un xurado composto pola actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor, investigador e especialista en Arte Dramática, Carlos Vizcaíno Fernández, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Ernesto Is, escolleu por unanimidade entre as 46 presentadas a obra Amorodo agre que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Fernando Castro Paredes.
O xurado destaca a “elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza”. O fallo do premio valora tamén a “traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos que fan que a acción avance con tensión dramática até o remate”. Á hora de escoller a obra poñen en valor tamén a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas. (…)”

Unha obra de Ernesto Is sobre María Casares gaña o Premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A obra Despois das ondas de Ernesto Is é a gañadora do XVII Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. A obra leva de novo á escena á grande actriz galega exiliada en París, María Casares.
Un xurado composto por Inma López Silva, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Paula Carballeira, Eva F. Ferreira e Manuel Núñez Singala, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu elixir como gañadora da XVII edición do Premio de Teatro Rafael Dieste á obra Despois das ondas da que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Ernesto Is. O texto de Ernesto Is impúxose na deliberación do xurado, por maioría, ás 47 obras presentadas.
A obra Despois das ondas leva de novo a escena a figura da actriz María Casares, unha das grandes figuras do teatro europeo, exiliada en Francia e nacida na Coruña (1922). O xurado estimou que a obra ofrece “moitas posibilidades de representación e gran liberdade na posta en escena”.
Destaca tamén que o texto gañador “mestura realidade e ficción e propón unha transformación dramática da realidade”. Ademais, a obra ten tamén o valor de recuperación da memoria histórica a través da figura dunha grande actriz do exilio.
O premio consiste en 6.500 € ademais da publicación da obra e a posta en escena.
O autor, Ernesto Is, (Ernesto Suárez Is, Gijón, Asturias, 1988) é titulado en arte dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) na especialidade de Dramaturxia e traballa como profesor de teatro e dramaturgo. Traballou tamén no ámbito do audiovisual como operador de cámara, produtor, guionista e editor de vídeo e son. (…)”

A área de Cultura da Deputación aposta pola montaxe de textos teatrais galegos contemporáneos

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña incluirá no Premio Rafael Dieste de textos teatrais a montaxe da obra gañadora, como se acordou nunha xuntanza mantida coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
A vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, para analizar diversos aspectos da colaboración entre ambas entidades e, de maneira especial, de diversas iniciativas relacionadas coa escrita teatral.
Na xuntanza, Goretti Sanmartín confirmou a incorporación como novidade nas bases do Premio Rafael Dieste na súa nova edición a representación da obra gañadora, como fora suxerido tamén pola AELG. “Incluír a montaxe da obra nas bases do premio de textos teatrais responde á aposta polas obras de teatro galego contemporáneo, unha das demandas de autores e autoras do xénero”, explicou Goretti Sanmartín Rei despois da xuntanza que mantivo con Cesáreo Sánchez Iglesias. Desde a Asociación de Escritores e Escritoras solicitaron que o Premio Rafael Dieste tivese unha periodcidade anual, o que a Deputación se comprometeu a estudar.
A área de Cultura da Deputación da Coruña mostrou tamén o seu interese no programa de lecturas dramatizadas de textos teatrais, entre eles os gañadores do premio, que desenvolve a AELG, coa que mostrou a vontade de colaborar. De cara ao programa de actividades do presente ano, a AELG anunciou que incluiría unha programación específica para o ámbito teatral co fin de destacar o papel de autores e autoras do xénero. “A escrita dramática foi perdendo peso polas dificultades tanto de posta de escena como de publicación, co cal é preciso incentivar a súa presenza, devolver a vitalidade que historicamente tivo o teatro galego, mesmo na construción do sistema cultural galego”, sinalou Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.”