O sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.