Santiago: nova edición de Os Bos e Xenerosos, dedicada a Francisco Carballo, o 3 de marzo

O sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.

 No 2012 chegamos á súa novena edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Carballo. Ao longo de máis de corenta anos o noso homenaxeado participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.

INTERVENCIÓN de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
LECTURA DA ACTA de concesión do Premio. Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
LAUDATIO pronunciada por Anselmo López Carreira.
ENTREGA dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.
RESPOSTA á laudatio de Francisco Carballo.