Entrevista a Henrique Monteagudo en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): No discurso de ingreso dixo que o galego precisa desenvolvemento e modernidade, ¿como pode a Real Academia Galega actuar nisto?
– Henrique Monteagudo (HM): A RAG ten un papel social moi orientador, xa que é unha institución que vela pola lingua. Conta cun prestixio e carisma, polo que as súas opinións e as orientacións que dá son ben escoitadas. Iso, ademais do servizos concretos que teñen que ver coa norma lingüística ou o asesoramento público. (…)
– G: ¿Que risco ten o uso do galego como baza política?
– HM: Non se pode falar do galego sempre en ámbito de enfrontamentos, de desacordos, de leas, senón que se asocie a innovación, a acordos e a compromisos positivos para o país. É importante que haxa sensacións positivas na lingua. Polo interese común, as grandes liñas da política lingüística deben estar amplamente consensuadas entre os partidos. Aínda que é lexítimo que xurdan discrepancias concretas.
– G: ¿Que opinión lle merece o Manifesto das cadeiras que reclama máis presenza feminina na Academia?
– HM: Esta iniciativa era unha crítica á Academia, na que non hai unha representación equitativa entre mulleres e homes. Xa non é unha cuestión de cuotas, senón de xustiza: o papel das mulleres no desenvolvemento da lingua é importantísimo, así como por exemplo na creación do Día das Letras Galegas.”