Henrique Monteagudo ingresou na Real Academia Galega

Desde Galaxia:
“Solemnemente, rodeado de familiares e amigos, cunha ampla representacion da vida cultural, política e académica, Henrique Monteagudo Romero, filólogo, especialista en sociolingüística, autor de Galaxia e codirector da revista Grial ingresou con todos os honores na primeira institución da nosa cultura, fundada por Manuel Murguía en 1905, cun discurso sobre o presente e o futuro do idioma, ao que respondeu a académica Rosario Álvarez Blanco.
“O futuro do idioma galego está profundamente vencellado ao proxecto de futuro que sexamos quen de darlle ao noso país. Unha responsabilidade de todos, non só dos especialistas, non só dos intelectuais, non só dos partidos políticos, senón do conxunto da sociedade, homes e mulleres conscientes da significación dun activo tan importante para un pobo como é dispoñer de idioma de seu”, apuntou o novo académico.
“O futuro do idioma está nas mans dos homes e mulleres de Galicia, dos que o falan e mesmo dos que, aínda sen falalo, o consideran patrimonio fundamental da nosa identidade e da nosa historia”, engadiu. “Os pais e as nais han saber transmitilo aos fillos e aos netos. Os políticos teñen a responsabilidade de dotalo de recursos para a súa recuperación. A escola debe incorporalo de xeito activo e inequívoco, para facelo normal, como lingua de uso e vehículo de coñecemento. Pero é a sociedade no seu conxunto, a través das súas institucións públicas e das súas institucións civís, quen debe garantir ese futuro, que nos afecta como pobo, moito máis nestes tempos difíciles de discurso neoliberal, ideoloxía darwinista e globalizacion”. (…)”
O discurso completo pódese descargar aquí.