A pexa do sexismo

Reportaxe en El País:
“(…) Houbo, desde o principio, voces disidentes. A mediados do século XIX, a mera presenza de sinaturas femininas na literatura “ataca os alicerces do dominante poder masculino que se baseaba na súa ocultación para garantir a súa hexemonía. Tíñano en común os sistemas literarios que nos rodean (castelán, francés, portugués…); mais nós temos unha singularidade que nos sitúa na vangarda da creación literaria, política e feminista de todo o XIX occidental: Rosalía de Castro”, salienta a profesora Celia Armas. Pero non só Rosalía. Nese tempo tamén publicaron, en castelán, outras mulleres concienciadas coma Filomena Dato, Sofía Casanova, Maria Vinyals ou Maria Barbeito, reivindicadas pola profesora Aurora Marco.
A invisibilización das mulleres continuou, malia todo, no discurso dominante. “A muller quedou apartada, como suxeito, dos debates intelectuais do galeguismo levada a cabo polos homes das Irmandades e os homes de Nós. Nese momento créase un imaxinario potente, debido ao seu carácter fundacional: a mitificación da muller-Nai, a utilización masculinizada do celtismo, etc. É posíbel atopar algunha representación alternativa, moi condicionada polos modelos realistas que seguían a visibilizar un modelo de muller oprimida. A vítima pasiva da emigración de Castelao ou Dieste nos seus relatos, ou a Marquesiña, de Castelao, poderían ser exemplos”, reflexiona a profesora María Xesús Nogueira. (…)”.