Proposta de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras 2013

Damos noticia desta iniciativa dun grupo de persoas que está recollendo apoios para presentar perante a Real Academia Galega a proposta de que o Día das Letras Galegas de 2013 lle sexa dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

Pódese mostrar a adhesión a través dos correos: antondobao@telefonica.net e robertovidalbolanho@gmail.com.

A seguir a exposición de motivos elaborada polos/as promotores/as da iniciativa:

Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización. É tempo suficiente para ter comprobado a importancia do teatro na cultura galega e tempo suficiente para valorar como contribuíu a escena galega á revitalización da lingua e a darlle un uso actual, contemporáneo e habitable.
Cincuenta anos despois do Día e trinta anos despois da romería chegamos a 2013 e damos coa cifra, tráxica en calquera caso, dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai exemplo mellor que Vidal Bolaño: practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis. As súas necrolóxicas de hai máis dunha década xa o sentenciaron como o máis importante autor galego de teatro e, once anos despois, a súa obra non deixou de medrar. Unha obra que comeza cos símbolos e acaba na realidade, nun proceso de interpretación dese lugar onde o mundo se chama Galicia que poucos autores, de teatro, narrativa ou poesía, poden igualar. Ese é o camiño que vai de
Bailadela da morte ditosa a Rastros.
Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro. Pero hai outro fundamental que garda relación intensa co prexuízo de que é ou que deixa de ser literatura. Se colocamos nunha ringleira a obra toda de RVB:
Laudamuco, Bailadela, Saxo Tenor, Días sen gloria, Anxeliños, Animaliños, Criaturas, Rastros, As actas escuras, por exemplo, ¿hai moitas obras comparables? Escribir teatro tamén é de escritores.
Aínda habería máis porque RVB foi unha figura da escena e, polo tanto, foi actor e director, pero foi actor de televisión e de cine e esas circunstancias implican unha biografía pública próxima aos espectadores, unha biografía con moitos atractivos e cun obxectivo que aínda hoxe resulta útil ou, quizais, sexa hoxe máis útil que nunca: explicarnos para ben e para mal como é o mundo visto desde o teatro de aquí. Como é o mundo desde Galicia. Polo tanto.