“O novo membro da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Regueira, defendeu “a influencia” do galego no proceso de creación da “identidade social” de Galicia afirmou que a lingua “é o repositorio de coñecemento” e “a cifra da historia dun pobo”. O encargado de abrir a sesión plenaria foi o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen deu a palabra ao secretario, Xosé Luís Axeitos, para que dese lectura á certificación do acordo no que se determinou a celebración da sesión.
No seu discurso de ingreso, titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada non século XXI, o novo académico recoñeceu a lingua galega como “algo máis que un código de comunicación ou que un instrumento” e defendeu que o galego “configura de xeito decisivo a identidade social” dos galegos e “mesmo a súa identidade como individuos”. “A lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo, e nela quedaron gravadas a lume as vicisitudes maiores da nosa historia, dende a romanización ás pegadas dos habitantes dos castros”, asegurou Regueira. Así mesmo, desexou que a Real Academia Galega “non perda os fíos” coa “oralidade primeira”. “Esa é a lingua que nos fai existir, que nos constrúe como pobo e como nación con voz propia no mundo”, argumentou.” Vía Galicia Hoxe.