Agustín Fernández Paz, proposto para doutor Honoris Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo

Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -AELG- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. “Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento”.
Segundo o texto, “o motivo da nosa proposta vén xustificado pola voluminosa obra de recoñecido prestixio do autor, premiado mesmo a nivel internacional cos recoñecementos de maior importancia e proxección, sobranceando nel a figura dun escritor que desde as últimas décadas elevou e segue a elevar a literatura infantil e xuvenil en galego á categoría de obra mestra, con amplísima incidencia social, asentada nunha incuestionábel calidade estética e nuns valores éticos imprescindíbeis para unha sociedade verdadeiramente democrática como a que queremos construír.”
A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega –Prolingua-, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. “É unha excelente nova”, que vén sumarse aos méritos “literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos” que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.” Desde Sermos Galiza.