Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país

Reportaxe en Letra en Obras:
“(…) Cando lle preguntamos sobre os motivos da proposta de Vidal Bolaño como homenaxeado para o ano 2013 Margarita Ledo fala, en primeiro lugar, de “revisitar todo o que foi a súa traxectoria creativa”, que considera fóra de calquera dúbida. Mais a catedrática de comunicación da USC di que tamén pretenderon “incidir no momento cultural de moita inactividade para o teatro galego, que está a sufrir unha certa exclusión dentro das políticas culturais que se están levando adiante en Galiza”. Ledo defíneo como un “grande organizador”, ao falar do seu traballo con Grupo Antroido ou Teatro do Aquí, destacando “esa reflexión sobre a combinación do traballo creador coa organización deste dentro do sistema cultural no que funciona, que é o galego”. O seu compañeiro Manuel Lourenzo sintetiza este complicado exercicio de funambulismo ao defender que Vidal Bolaño “soubo utilizar os medios dos que dispoñía para crear unha plástica moi característica, e nunca agardou polo público: sempre o foi a buscar”. Comezar polos vieiros que abre a xestión da homenaxe ao dramaturgo no eido da planificación cultural non supón perder de vista a potencia anovadora da obra que deixou atrás de si. Neste sentido, Dolores Vilavedra cualifica a escolla de “idónea”, referíndose ao dramaturgo como “o máis ‘teatral’ dos escritores de literatura dramática” e destacando nel “a súa versatilidade e a súa capacidade para abordar temas de actualidade”. Nesta liña inciden tamén os dous grandes dramaturgos contemporáneos de Vidal Bolaño como son o académico Euloxio Ruibal, quen destaca “o seu interese polo popular e a valentía na abordaxe de temáticas contemporáneas que resultaban incómodas e das que a maioría fuxía”, e o propio Manuel Lourenzo, quen recorda que “meteu a maza na cabeza das cousas que estaban a pasar” (…)”