Parlamento das Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Álvarez Cáccamo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Falta normalidade: presenza suficiente dos nosos libros nos escaparates e nos andeis das librerías, circulación fluída e natural dos mesmos entre as mans dunha sociedade lectora galega non constituída preferentemente por escolares e profesorado, escritores e críticos, políticas de apoio e difusión por parte da administración, canles axeitadas para a visualización pública da literatura galega. Fáltanos, pois, a paisaxe da normalidade lingüística e cultural, máis ameazada hoxe por causa do rearme centralista dos gobernos de Galiza e de España. Como lector, a min sóbranme a hipervaloración de certos discursos poéticos atonais que se expresan en verborrea hermética de mal disimulada base libresca ou daqueles outros que asentan a súa proposta nunha ollada inxenuísta e elemental adobiada con chiscadelas de pretendida sorpresa provocativa. A carón destas dúas liñas de escola, que non me interesan, conviven hoxe en Galiza voces e rexistros variados, moi atractivos, densos e necesarios. Sobra tamén o exceso promocional de produtos narrativos febles e de consumo que con frecuencia desvían a atención que se debería prestar ao texto literario concibido como proposta para unha recepción activa e enriquecedora. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMAC: Na resposta á pregunta sobre as eivas e o prescindíbel nas nosas letras ficou apuntada algunha valoración do presente literario. Unha consideración restrinxida ao panorama textual colectivo de hoxe permite apreciar un bo nivel xeral de calidade, con algúns autores e obras que sobrancean por riba do horizonte medio. Como en todas as literaturas do mundo. A normalidade do discurso literario galego contrasta coa situación anormal do contexto sociocultural e político. (…)”