Anselmo López Carreira: “A Galicia medieval existiu como unha identidade nacional propia”

Entrevista a Anselmo López Carreira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿É o medievo a época máis escura na nosa historiografía?
– Anselmo López Carreira (ALC): É a cara oculta da historia galega e iso que é cando Galicia ten unha forte presenza histórica. Coñecemos os castros, a romanización, a época moderna e a contemporánea. O gran problema é a Galicia medieval. Existiu como unha entidade nacional propia e logo desaparece da historia. Hai que ter en conta que a historia das nacións actuais europeas nace na Idade Media, é cando empezamos a falar de franceses, casteláns e italianos. A configuración da Europa actual, sobre a que logo se constitúen os estados liberais, é unha historia de nacións que se configuran entón. Eu vexo a Galicia do Códice Calixtino e é Galicia, nos describen como os galegos de hoxe. (…)
– LVG: Vostede fala de contradicións entre esa marxinalidade e diferentes feitos importantes.
– ALC: Aquí, nun momento determinado, constrúese o edificio máis grande da Europa occidental, que é a catedral de Santiago. Ao mesmo tempo, ou pouco despois, florece unha literatura escrita nun idioma de aquí, da Gallaecia. E se nos di que é un territorio marxinal. Estes parámetros fan inexplicable a historia de calquera lugar do mundo. A explicación é ben coherente e hai que sacar á luz o que era Galicia na Idade Media, pois era o Reino de Galicia. Non había reino de Asturias, era o reino de Galicia, e cando se fala de reino de León estase falando da capital do reino, pero se imos as fontes se poderá ver que o territorio definíase como Galicia, non a de hoxe en día senón o territorio herdeiro da provincia romana de Gallaecia ou do reino suevo. (…)”