“Onde atoparmos o resplandor total/ capaz de iluminar, dunha vez/ e para sempre, a noite escura?. Os lonxes do solpor pecha a obra poética de Manuel María. Trátase do que se considera o derradeiro título de poesía para o que el propio lle tiña encargado o prólogo a Miguel Anxo Fernán Vello. A Fundación que leva o seu nome publícao agora canda o CD Andando a Terra, Uxía canta a Manuel María máis o DVD De amor e cantería, un documental que nos achega de forma poética a súa casa.
O encontro foi feliz e a voz de Uxía deu un novo traballo musical arredor da obra de Manuel María, sen dúbida, o poeta máis cantado das nosas letras. Desa tradición de cancións, Uxía bota man de dúas, O Carro que compuxo Mero para Fuxan os Ventos e Manual do Señorito, que soara na voz de María Manuela para completar un traballo en que o groso son composicións novas para as que Uxía contou con Sérgio Tannus. “Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”, comenta Uxía. Coa presentación do 16 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea anúnciase xa unha xira que levará a Uxía por distintas cidades e vilas, para cantar a Manuel María, cun espectáculo en que, ademais das cancións do novo traballo, haberá a presentación dunha figura local da cultura e a proxección do documental De amor e cantería, a terceira trabe que amplía o universo Manuel María. (…)”. Desde Sermos Galiza.