Xan Arias: “Son un editor vocacional”

Entrevista de Ramón Nicolás a Xan Arias en Qué Leer, traducida ao galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que o levou a embarcarse nesta aventura [Trifolium]?
– Xan Arias (XA): A paixón artesá por esa nobre aventura que é facer dun texto un libro. Son un editor vocacional apaixonado pola súa vertente cultural, pero valorando en igual medida o aspecto artesanal do oficio. Non pretendo buscar nada novo nin orixinal, senón algo auténtico e perdurable. Como apunta Andrés Trapiello, un libro é sempre, como o universo, a harmoniosa conxunción de moitas órbitas. (…)
– RN: Como editor, como ve o futuro da edición en galego?
– XA: Os avatares da actual conxuntura política, cun apoio practicamente nulo á cultura, recrúanse ao ser unha lingua minoritaria cun mercado concreto. Os libros nunca se levaron ben co Poder; así, estratexicamente, reducíronse os fondos para as bibliotecas, o que compromete unha das infraestruturas de base da edición. Pero continuará a forza da imaxinación creativa, a vontade e a necesidade de crear con palabras modelos útiles para o mundo. En Galicia e fóra de Galicia. Manterei a ilusión sen facerme ilusións. Ou, como diría Borges, un debe seguir plantando o seu propio xardín, no canto de agardar a que alguén lle traia flores.”