Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

“O sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.