Entrevista de Armando Requeixo a María Lado no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María Lado (ML): Creo que ten algúns editores de verdade comprometidos coa poesía, pero que lle faltan editores que sexan quen de facer a poesía algo rendible tamén para eles (algo que só se consegue estando nos recitais, porque aí é onde se venden os libros dos poetas). En xeral, creo que lle faltan editores (e tamén distribuidores e, se me apuras, ata libreiros) que centren os seus esforzos só na poesía e, polo tanto, que poidan atender ben as coleccións de lírica. Sobrar non sei se lle sobra algo. É moi arriscado nestes tempos andar comentando por aí que ao sistema literario galego lle sobra algo… (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ML: Eu fago unha valoración positiva do noso presente literario porque a peor sempre se pode ir, iso seguro. Admito que perdemos moitas cousas que agardo que se poidan recuperar. Perdemos moitos premios que xa non dan sobrevivido ante o interese manifesto das administracións por afundir a nosa cultura, perdemos capacidade para editar e espazo nos medios de comunicación maioritarios, pero tamén seguimos tendo moita creación e creatividade, moita actividade cultural e literaria (ás veces é actividade creada dende pequenas organizacións e mesmo proxectos persoais dos autores, case de resistencia, pero que son esforzos realmente valiosos porque teñen resposta do público e non teñen nada que envexar aos que se fan nos ámbitos doutros sistemas literarios). Non é certo que ao público non lle interese a poesía ou o teatro ou a pintura, só hai que darlle a posibilidade de que os atopen e, unha vez que os atopan, de que os encontren atractivos. (…)”