El Fakhour: “Rosalía ten que ser recoñecida como un dos grandes nomes da literatura universal”

Desde Sermos Galiza:
“En comunicación co Departamento de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña, nunha das liñas de investigación desenvolvidas arredor da escritora xunto coa profesora Marta Naveira, o profesor de Lingua e Literatura Hispánicas en Taza, Universidade de Fez, Driss El Fakhour, está a traducir a obra en prosa de Rosalía de Castro que sairá publicada neste ano nunha editorial de Tánxer. Destaca a calidade da autora e defínea, ademais, como precursora do surrealismo e o realismo. (…)
– Sermos Galiza (SG): Que ten a escritora que fixo que prendera da súa obra?
– Driss El Fakhour (DF): De sempre me interesou no meu estudo o período do Romanticismo e a figura desta muller é realmente sorprendente. Estamos diante dunha figura que considero líder do movemento que defendía os dereitos da muller nunha sociedade reaccionaria. Ademais ten un estilo que comunica, que chega á persoa lectora. (…)
– SG: Coida que está á altura dos grandes nomes da literatura mundial?
– DF: É, sen dúbida,unha das grandes figuras universais. A súa produción é a que demostra esta afirmación. Considero que Rosalía de Castro é un dos nomes privilexiados da literatura de todo o mundo, cun grado de relevancia grande que se recoñecerá co tempo. Rosalía é símbolo de Galiza no mundo intelectual, tal como percibo. Tamén aprecio que está a ter relevancia a nivel estatal e nos círculos intelectuais comeza a dárselle o seu xusto valor. Compre que a súa obra se traduza para que acade ese espazo que merece na literatura mundial.”