Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2013

Nin queixa nin folclore, hai cento cincuenta anos Rosalía de Castro asumía no prólogo dos Cantares gallegos, o grande atrevemento que supoñía traer para a escrita culta, sen gramáticas nin regras de ningunha clas, o canto dos pesares, costumes e paisaxes desta terra.

Nin queixa nin folclore, hoxe, neste día no que conmemoramos o nacemento da muller, neste ano no que celebramos o século e medio dun libro que serviu para comezar a construírmonos afectiva e politicamente como pobo, convidamos a  experimentar, de novo ou por vez primeira, a conmoción, o abraio que producen uns versos que falan de min, que falan de todas.

¿Qué lle pasará a un que non sexa como se pasase en tódolos demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas! – di Rosalía.

Ese modo de percibir e expresar o peso do mundo é o que consegue que Cantares fique agochado entre as dobras da memoria, que se mimetice co inconsciente colectivo e individual, en min e en todos!, como un clásico e, como un clásico persista como ruído de fondo, aguante e sacuda a poeira incesante dos eséxetas: Santa, Nai, Escura.., sen dar rematado nunca de dicir o que ten que dicir.

Porque Rosalía fala para o agora da lectura e neste agora a empatía, a rabia, a análise e denuncia que alenta na súa obra fánsenos especialmente necesarias. Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeneralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio. Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan  fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe.

Ler hoxe a Rosalía axúdanos tamén a desenvolver estratexias de resistencia ante as doutrinas oficiais que nos impoñen a brutal contracción do noso sistema cultural e lingüístico. De novo  Rosalía lembrando que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa, Rosalía rexeitando o centralismo que nos esmaga, que nos folcloriza, que nos nega, Rosalía denunciando, no XIX coma no XXI, o fracaso do estado para dar cabida ao diferente.

Rosalía pois, hoxe, para axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e  conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna.

Cantares gallegos, o primeiro libro integramente monolingüe do Rexurdimento galego, deu o protagonismo absoluto ás voces femininas e, probablemente, todas as que hoxe lemos e escribimos en galego  experimentamos nalgún momento o desexo intenso de ser coma ela, de seguir os seus pasos: fulgor e rebeldía. A nosa literatura moderna presenta a enorme vantaxe de ter unha muller como causa e orixe, un modelo para aquelas que non queren cantar as pombas e as froles. Con todo, xusto é recoñecer o paradoxo: a literatura galega dista moito de ser un matriarcado; aquí  -como en todas partes- as literatas continúan a ser tratadas como un elemento exótico-emerxente, caixiña dentro da caixiña, engadido que os homes tratan con benévola simpatía sen entrar nun diálogo verdadeiro. A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro.

Convidámosvos, pois, a celebrar este día como unha festa indispensable no noso imaxinario colectivo, unha festa na que celebremos, esperanzadas, o futuro, ese futuro que vive nas verdadeiras, nas autenticamente clásicas, como Rosalía, quen, de xeito perentorio, nos recorda que só a palabra permite poñerse a salvo da brutalidade e a estupidez humanas.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega reafírmase, máis unha vez, porque este tempo político neoliberal e centralista regresivo así nolo continúa a esixir, na nosa reivindicación da recuperación dun estatus máis xusto, digno, equitativo e equilibrado para o galego nos diferentes ámbitos de uso e, nomeadamente, no ensino, minguado cuantitativa e cualitativamente nun espazo de aprendizaxe e socialización como é a escola e apoiamos, como as palabras reivindicadoras de xustiza rosaliana nos animan, ao conxunto da sociedade que en múltiples iniciativas ten manifestado o seu compromiso coa lingua galega, soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”.

A modernidade da obra e pensamento rosaliano aloumíñanos e fálanos desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo da alborada para corearmos colectivamente:

Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. –Vente, auro-
ra, – vente abrin-
do, -co teu ros-
tro – que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

Manifesto do Consello  Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir dun texto de Rexina Vega.