Carballo: espectáculo poético e musical Rosalías. Daquelas que cantan

Este proxecto xurdiu da man da Asociación Lumieira coa vontade de homenaxear á figura máis relevante das letras galegas, Rosalía de Castro, no Día das mulleres, o 8 de marzo. Para iso, desenvolven este «acto musical e poético desde unha perspectiva que conxuga tradición e actualidade». Segundo salienta a presidenta da entidade e participante no espectáculo, Rosalía Fernández Rial, “partimos, asemade, da idea de que todas nós somos, dalgún xeito, Rosalías (de aí o nome do acto) e temos en común as letras e as músicas, nosas e súas, de todas”. O espectáculo terá un fío condutor coherente e conxunto. Así, «tanto o discurso como a posta en escena dos poemas e as cancións van configurando unha “función” ligada, de “Rosalías”». Ademais, afirma, «preparamos varios temas entre todas, combinando a música de todas e os poemas».
Neste singular espectáculo participarán artistas de recoñecido traballo, traxectoria e creación, como son Uxía, unha das cantantes galegas máis internacional, directora artística de proxectos como o prestixioso festival Cantos na maré e autora de discos como Meu canto, Andando a terra, Eterno navegar, etc., ademais de moitos outros colectivos. Tamén Dolores Platas, cantante carballesa que foi vocalista do desaparecido grupo Xocaloma, e que publicou o fermoso disco Lúa descolorida, en 1985, no que musicou poemas de Rosalía de Castro. Poñerá tamén a súa música o grupo compostelá Habelas hainas, formado por catro rapazas que combinan música tradicional con ritmos actuais, cun estilo potente, fresco e innovador. A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial será o fío condutor do espectáculo, fío que se irá tecendo con intervencións teatrais e poéticas. Así, poñeranse en escena diversos poemas por parte das artistas participantes, combinando sempre música e poesía.
De escenografía encárganse as artistas Chiña e Helena Ayape. Ademais, tamén haberá no espectáculo algunha sorpresa, coa intervención de Samira, unha nena de Carballo que tamén participará.”